Abril 25th, 2008Tomates asados, queixo San Simón e galletas mariñeiras
Mirei na neveira uns tomates da variedade “Kumato” e apeteceume comelos asados, así que os cortei en rodas e púxenos na grella cun chisco de sal. Como tamén tiña un pouco de queixo de San Simón moi tenro que acababa de mercar, cando lle din a volta ás rodas de tomate aproveitei para poñerlles derriba un anaquiño deste queixo para que se fundira mentres remataban de cociñarse os tomates.
Como remate puxen cada roda de tomate, co seu queixo, derriba dunha galleta mariñeira, engadín unhas gotas de aceite de oliva virxe extra e pementa variada (negra, branca, verde e rosa) acabada de moer.
Unha estupenda combinación a dos tomates co sabor afumado do San Simón.




